Un cartel co río Verdugo como protagonista gaña o concurso da Festa da Troita
Por Redacción
O cartel 'Verdugo Duende', obra de María del Carmen Guzmán Araújo, resultou gañador do concurso de carteis organizado polo Concello para a 53 edición da Festa da Troita de Ponte Caldelas, que se celebrará entre o 21 de abril e o 19 de maio.
Trátase dun cartel elaborado en formato lenzo e representa unha vista do río Verdugo coa escultura do pescador sostida por unha moza. O deseño xoga cunha mestura de cor e branco e negro.
O río Verdugo, como é habitual, foi protagonista, pero a nova fonte luminosa de Ponte Caldelas fíxose un oco entre o elenco das imaxes presentadas ao concurso. En total, houbo 19 carteis presentados.
No caso das fotografías, de entre as 61 presentadas, resultou distinguida no primeiro lugar a titulada 'Sen auga non hai fío', de Marcos Fernández Mosquera. O segundo posto foi para 'Unha nova era', de Vanessa Veiga Castro, e o terceiro para 'Entre xigantes', de Amaya Duarte Álvarez.
A fotografía gañadora aposta polas fervenzas da Roca, no barranco do Verdugo; o segundo premio pola fonte da praza de España e o terceiro volve ser unha paraxe, augas abaixo do Verdugo.
Os gañadores acadaron premios económicos de 400 euros para o mellor cartel, e de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, para as tres mellores fotografías.
Os carteis e fotografías presentados van ser incorporados ao libriño-programa da Festa da Troita. Os veciños votaron entre todos os presentados a semana pasada e o reconto foi elaborado este luns. Todas as obras estiveron expostas na Casa da Cultura e puideron votar as persoas empadroadas en Ponte Caldelas. Previamente, un xurado composto por membros da corporación municipal e por profesionais da imaxe seleccionou os tres mellores carteis e as nove mellores fotografías, que foron as que puideron ser votadas polo público.
Relacionadas:
-
A troita regresa a Ponte Caldelas para a súa gran festa tras o seu periplo polo rural
Por Redacción |
-
Un novo mural enche de natureza o peche do colexio Cordo Boullosa
Por Redacción |
-
Un gran mural de troitas embelece as escaleiras máis transitadas de Ponte Caldelas
Por Almu Dapena |
-
A 53 edición da Festa da Troita xa ten calendario definitivo
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas convoca os certames de Redacción, Carteis e Fotografía da Festa da Troita
Por Redacción |