Xorden discrepancias entre os veciños de Ponte Sampaio pola reordenación dos aparcadoiros
Por Oskar Viéitez
A Asociación de veciños Heroes de Ponte Sampaio posicionouse en contra da eliminación de aparcadoiros na zona onde os pide a Asociación de Veciños Santa María de Ponte Sampaio, por entender que vai en prexuízo dos residentes da zona que non teñen garaxe e obrigaríalles a levar os seus vehículos ao recinto de festas "onde quedarían a mercé dos que se dedican a roubar e esnaquizar coches".
A Asociación Santa María demandaba á Xunta a supresión das prazas de aparcadoiro na zona da ponte para dar continuidade ao Camiño Xacobeo na zona que discorre cara a Pontevedra. Entende que así se permitiría aos peregrinos non ter que deambular pola estrada.
Con todo, os da Asociación Heroes consideran que xa se fixeron obras no Camiño de Santiago ao seu paso por toda a parroquia "e na zona próxima á ponte pasa por outra solución que non sexa a eliminación de algo tan necesario".
O colectivo veciñal convida os responsables da administración autonómica a que comproben a situación nunha visita á zona.
Nun aspecto si que coinciden ambas as asociacións, na redución de velocidade entre o cemiterio e a ponte medieval, mediante a sinalización de velocidade trinta e a instalación de lombos.