"Hai que seguir fomentando a solidariedade porque cada día máis persoas necesitan ser trasplantadas"
Por Redacción
A asociación de Doantes e Receptores de órganos, celebrou este sábado en Pontevedra o Día Nacional do Transplante. Con esta conmemoración quérese demostrar o sentimento de gratitude especial, en primeiro lugar a todas aquelas familias que doaron os órganos dos seus seres queridos e tamén aos profesionais que están a dedicar o seu labor ao transplante.
España é un referente nesta disciplina, sendo o país coa maior taxa de doazón en todo o mundo.
O presidente desta asociación de doantes e receptores de órganos, Celso García, destacou que esta "intensa actividade" púidose materializar o pasado ano grazas á solidariedade dos 116 doantes de órganos e as súas familias, a cifra máis elevada desde a posta en funcionamento do programa de transplantes en Galicia.
Por cifras acumuladas, desde 1981 ata 2019 realizáronse 4.203 transplantes de ril, 2.229 de fígado, 810 de corazón, 647 de pulmón e 111 de páncreas.
As doazóns realízanse sempre de forma altruísta e todo o proceso é cuberto, desde o punto de vista económico, polo Sistema Nacional da Saúde.
Celso García insistiu en que "hai que seguir fomentando a solidariedade porque cada día máis persoas necesitan ser trasplantadas. A xente ten que ser consciente desta realidade para facerse doantes e poder salvar vidas".