Ana Pastor ve "prioritario" o paseo a Marín e a reforma do nó de Bombeiros
Por Alejandro Espiño
Dous proxectos que, segundo o PP, o Goberno de Pedro Sánchez "metió en el cajón". O paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín e a reforma do nó de Bombeiros e do acceso norte á AP-9 son, segundo Ana Pastor, actuacións "prioritarias" na cidade.
A candidata do PP por Pontevedra, que paseou este venres pola cidade acompañada da ex ministra de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, avanzou que ambas as medidas formarán parte dos compromisos que os populares incluirán na campaña electoral para os comicios xerais do próximo 28 de abril.
Ambas lembraron que, no caso do paseo a Marín, o proxecto estaba "muy avanzado" e que, a pesar de ser "complejo", a súa tramitación quedou encarrillada co executivo de Mariano Rajoy. Desde que os socialistas chegaron á Moncloa nada máis se soubo nin deste proxecto nin da reforma do nó de Bombeiros.
Pastor sinalou que o PP fará campaña "desde la humildad" e falando das cousas "que le interesan a la gente" como a baixada de impostos, as medidas para favorecer o emprego, o apoio aos autónomos e ao pequeno comercio ou buscar oportunidades para fixar poboación. "Hay otros que están en batallas filosóficas, nosotros en lo que importa", sinalou.
A este respecto, á aínda presidenta do Congreso preocúpalle Ence porque "no hay alternativa" aos postos de traballo que se perderían co seu hipotético peche, do que culpa aos que "viven bien" e non se preocupan "de los que viven en Pontevedra y están en el paro".
García Tejerina, ministra de Medio Ambiente con Rajoy, asegurou que a prórroga outorgada á pasteira era "conforme a derecho" e contaba con "todas las garantías jurídicas". Por iso, cualificou de "incomprensible" que o Goberno renunciase a defender esta concesión ante a Audiencia Nacional.
"Quien haya tomado la decisión tendrá que explicar sus motivaciones para poner en riesgo a 5.000 familias que viven de Ence y otras 80.000 que le surten de madera", sinalou a dirixente popular, cabeza de lista ao Congreso por Valladolid, que acusou a "desidia" e a "poca prioridad" que o PSOE dá ao medio rural.
Relacionadas:
-
O BNG promete impulsar a reforma do nó de bombeiros se volve ao Congreso
Por Redacción |
-
Ana Pastor non encabezará a lista do PP por Pontevedra para o 10N: será número 2 por Madrid
Por Redacción |
-
Mariano Rajoy regresa a Pontevedra para arroupar a Ana Pastor na campaña das xerais
Por Redacción |
-
Ana Pastor, Diego Gago e Elena Suárez, apostas do PP para o 28A; Pilar Rojo, ao Senado
Por Alejandro Espiño |
-
Ana Pastor repite polo PP en Pontevedra tras a "renovación tranquila" de Pablo Casado
Por Oskar Viéitez |