Barro xa ten terreos para construír a nova depuradora
Por Redacción
Algo máis de 53.000 euros. É o prezo que vén de pagar o Concello de Barro polos terreos nos que se construirá a nova depuradora. Está situada na intersección entre a N-550 e a estrada provincial de Valiñas e ten unha superficie de 7.669 metros cadrados.
Coa compra destes terreos, o goberno municipal pon a primeira pedra para chegar co servizo de saneamento a todas as parroquias. Neste momento, as únicas zonas do concello que dispoñen deste servizo son o núcleo de San Antoniño e parte das parroquias de Curro e A Portela, que son as parroquias ás que lle dan servizo as únicas depuradoras existentes.
O Concello, co obxectivo de planificar a dotación deste servizo a todo o municipio, encargou un estudo técnico para deseñar as posibles solucións e as localizacións de novas depuradoras.
Deste estudo despréndese a necesidade de construír unha depuradora central en Perdecanai que, ademais de dar servizo a esa parroquia, tamén servirá para conectar boa parte das parroquias de Barro, Agudelo e Valiñas.
Para a compra destes terreos o goberno pediu unha oferta pública á que se presentou esta parcela, sobre a que se pediron os preceptivos informes a Augas de Galicia, a Infraestruturas Agrarias, por estar en zona de concentración parcelaria, e aos técnicos municipais.
A corporación municipal acordou en pleno no pasado mes de novembro a compra desta parcela, unha vez que en todos os informes se considera que reúne as condicións necesarias para albergar un equipamento destas características.
Para o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que asinou a compra este venres nunha notaría de Caldas, a compra destes terreos ten unha importancia fundamental para o concello. A partir de agora poderá encargarse un anteproxecto co que buscar o financiamento necesario para construír esta nova depuradora.