O break dance súmase á oferta do Marín Atlantic Open de baile
Por Redacción
O pavillón marinense da Raña ten unha cita durante toda a fin de semana co baile, concretamente cunha nova edición do Marín Atlantic Open.
Desde 2012 a Academia Pasos Baile Galicia organiza esta actividade, que este ano se abre a novas disciplinas como o break dance, que aparece como posible deporte olímpico nun futuro próximo.
O alumnado do grupo de hip hop Rainbow Crew de Marín, pertencentes á Escola Deportiva Municipal de Hip Hop, foron os protagonistas e encargados de presentar, xunto ao concelleiro de Deportes, Antonio Traba, a edición do evento.
A actividade na Raña comezará ás 11:00 horas do sábado e finalizará ao redor das 19:00 horas do domingo 31 de marzo.
Ademais das habituais competicións de bailes latinos e standard das mañás de sábado e domingo, das competicións de danza coreográfica e hip hop do sábado tarde ou das competicións de bailes caribeños do domingo tarde, o break dance terá o seu espazo ás 21:00 horas do sábado.