López Abella, secretaria xeral de Igualdade: "So o 20% dos casos de violencia física e sexual son denunciados"
Por Redacción
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acollía este xoves unha xornada de prevención e sensibilización sobre violencia sexual na mocidade.
Esta iniciativa, organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, pretendía poñer de manifesto a magnitude da violencia machista ofrecendo datos tan preocupantes como o recollido polo CIS en 2015 no que cifra nun 10% ás mulleres maiores de 16 anos que sufriron violencia de xénero nalgún momento da súa vida por parte das súas parellas e ex-parellas, mentres que un 8% foron vítimas de violencia sexual.
A secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, participaba na inauguración desta xornada que percorreu os sete campus galegos. A responsable autonómica aseguraba que en España só un 20% das persoas afectadas denuncia sufrir violencia física e sexual.
A directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, lembrou que existe un protocolo de prevención de acoso sexual e por razón de sexo no ámbito universitario.
A integrante do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña, Belén Fernández, explicou que a violencia machista é o "último recurso" do sistema de dominación patriarcal e lembrou que as mulleres se concentran en sectores laborais moi orientados ás tarefas de coidados, ademais de asumir dous terzos da carga total do traballo no fogar.
A socióloga fixo referencia á necesidade de promover un coloquio sobre que factores serían precisos para promover un "cambio social" e lembrou a necesidade de medidas e políticas de carácter público, en diferentes terreos como o legal, o educativo ou o de concienciación da sociedade.