Os máis pequenos desfrutan da escuma coa visita dos bombeiros
Por Almu Dapena
Con motivo da iniciativa 'quincena das profesións' organizada pola Xunta, os bombeiros de Pontevedra asistiron, durante a mañá deste xoves, á Escola Infantil da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra.
Durante esta visita, un total de 15 estudantes de 3º de Educación Infantil puideron familiarizarse co uniforme, a roupa especial coa que se enfrontan estes profesionais a lumes e inundacións. Tamén comprobaron como funcionan as mangueiras e como empregar os cascos para despois subirse aos vehículos de emerxencias. Os escolares tamén gozaron dun baño de escuma.
Esta é a primeira das actividades enmarcadas na 'quincena das profesións' que se desenvolverán no mes de maio e onde os máis pequenos poderán coñecer os traballos que realizan os seus pais e nais con diversas visitas e charlas. Contarase coa participación das familias para mostrar de primeira man cales son as súas responsabilidades laborais durante o tempo en que os nenos e nenas están no centro.
A seguinte actividade prevista será no mes de maio coa visita da Policía Autonómica.