Boaventura de Sousa Santos e Ángeles Ramírez, avance dos relatores da Semana Galega de Filosofía
Por Olaya Madrigal
A Semana Galega da Filosofía celebra a súa trixésimo sexta edición co tema de "Filosofía e fronteira" como fundamento. A iniciativa, que leva dende o 22 de abril de 1984 tratando os máis diversos temas de actualidade, volverá no mesmo día este ano para expoñer e debater as cuestións referentes aos límites entre países.
A inauguración celebrarase o luns 22 de abril ás 10:30 horas no Teatro Principal, onde se desenvolverá toda a actividade. As sesións dividiranse en mañá, tarde e noite e estenderanse ata o venres 26 de abril.
O octoxenario activista Boaventura de Sousa Santos foi o primeiro dos relatores anunciados. Sociólogo da Universidade de Coímbra e catedrático, é recoñecido internacionalmente por participar no Foro Social Mundial, un encontro anual entre membros do movemento por unha globalización diferente. Á súa idade, é posuidor dunha extensa bibliografía, entre a que destacan os escritos sobre as fronteiras en Europa dende o punto de vista do colonialismo.
Ángeles Ramírez, profesora da Universidade Autónoma de Madrid, será outra das relatoras e centrará o seu discurso na migración dos países árabes, especialmente no que afecta a mulleres e nenos, coa súa conferencia "Mulleres sen fronteiras: precariedade e feminización das migracións", un tema que, segundo Ana Regueira, presidenta da Aula Castelao de Filosofía, resulta moi apropiado actualmente en relación á proposta do Partido Popular que afectaría ás mulleres inmigrantes.
Segundo os organizadores do proxecto, o transcorrer da realidade actual, tanto nacional como internacionalmente, deixa abertas moitas cuestións ás que enfrontarse, das cales a maioría se poden relacionar co tema dos confíns entre países, dende un punto de vista económico e sociolóxico. É por iso que a discusión se centra este ano nos límites físicos e mentais que nos afastan das outras persoas.
As representantes da Aula Castelao, agrupación organizadora da actividade, Ana Regueira e Montse Bragado, foron as encargadas de adiantar na mañá deste mércores a dous dos participantes do coloquio, acompañadas de Miguel Anxo Fernández Lores, o alcalde, e Carmen Fouces, a concelleira de Cultura. Os 13 poñentes relatores serán anunciados este venres 29.
Relacionadas:
-
A inauguración da XXXVI edición da Semana Galega de Filosofía enche o Principal
Por Olaya Madrigal |
-
Bucharaya Hamudi, ex primeiro ministro da República Árabe Saharaui Democrática, pechará a Semana Galega de Filosofía
Por Olaya Madrigal |
-
Bucharaya Hamudi, ex primeiro ministro da República Árabe Saharaui Democrática, pechará a Semana Galega de Filosofía
Por Olaya Madrigal |
-
A fronteira será o tema de debate na vindeira edición da Semana Galega de Filosofía
Por Anxo Lourido |