A corporación municipal prepárase para a recta final do mandato
Por Alejandro Espiño
A corporación municipal dá os seus últimos pasos. A menos xa de dous meses para as eleccións, o Concello prepárase para as despedidas. A primeira delas, a dos portavoces, que se reuniron este mércores por última vez para tratar os asuntos que irán ao próximo pleno, que se celebrará o luns 1 de abril e que, á súa vez, tamén será o último deste mandato.
A esta cita simbólica tan só faltou o líder do PP, Rafa Domínguez, que foi substituída pola concelleira Aurora Cañizares.
Todos eles acordaron adiantar o pleno de abril ao próximo luns para evitar que esta sesión da corporación se celebre no medio da campaña electoral das xerais. Así, tras o sorteo dos membros das mesas que atenderán os colexios o día dos comicios, ás 10.45 horas celebrarase un pleno que, sen dúbida, terá un alto contido político.
Ao pleno, os populares levarán tres mocións para rescindir o contrato para os terreos da planta de compostaxe da Canicouva, para mostrar apoio aos traballadores de ENCE e esixir a continuidade da empresa na ría e para reclamar melloras na rúa Ponte da Barcia.
O PSdeG-PSOE, pola súa banda, reclamará que Pontevedra impulse campañas de concienciación sobre a diversidade de xénero e que a Xunta de Galicia inclúa charlas de sensibilización sobre a realidade LGTBI no protocolo escolar sobre liberdade de xénero.
Unha nova iniciativa sobre a ampliación da depuradora e outra moción relativa á cotización no réxime dos traballadores do mar serán as últimas propostas que presentará Marea, mentres que Cidadáns reclamará a creación dun órgano consultivo do deporte.
Os debates que a corporación celebra no Teatro Principal terán como colofón unha interpelación que Rafa Domínguez fará directamente ao alcalde, ao que lle pedirá explicacións por "mesturar o nome de Pontevedra con fins independentistas".
Relacionadas:
-
Rexeitamento municipal a que Pontevedra retire o recurso contra a prórroga de ENCE nos tribunais
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rafa Domínguez pide a rescisión do aluguer dos terreos onde se quere instalar a planta de compost
Por Redacción |
-
Os traballadores de Ence, indignados co cambio de criterio do Goberno sobre a prórroga, organizarán unha manifestación
Por Natalia Puga |
-
Monólogos e coloquios darán visibilidade ao colectivo trans
Por Almu Dapena |