Solicitan licenza para abrir un camping en Caritel
Por Redacción
Un emprendedor vén de solicitar licencia municipal para un camping na Pousa, parroquia de Caritel, que se basea na construción de 12 bungalows en forma de domo ou cúpula xeodésica.
O proxecto, que en principio cumpre con todos os parámetros urbanísticos e administrativos, está asentado nunha parcela de case 8.000 metros cadrados nunha paraxe natural dunha gran beleza. A finca conta cunha vivenda unifamiliar abandonada que vai ser restaurada como recepción e para ofrecer os servizos centrais do camping. Ao seu carón habilitarase un aparcamento con capacidade para 15 vehículos.
O futuro camping terá capacidade para aloxar a 32 persoas na ducia de casas domo, das que varias teñen capacidade para catro persoas e o resto para dúas. Todas elas dispoñen de salón, dormitorio, cociña, baño e terraza, así como unha parcela asignada.
As cúpulas xeodésicas están construídas en madeira e revestidas cun illamento exterior de color tella. Dispóñense sobre unha suave ladeira para garantir unha correcta disposición sobre o terreo e protexelas visualmente do exterior, aínda que toda a finca está pechada e conta con vexetación que garante a intimidade.
Os promotores do camping explican tamén que a súa intención é chegar a acordos con empresas da contorna para ofrecer servizos complementarios como paseos a cabalo, actividades no encoro de Eiras, rutas de sendeirismo, etcétera. Nunha xuntanza co alcalde, Andrés Díaz, expresaron o seu desexo de estar operativos antes da apertura do Centro Termal de Ponte Caldelas.
O goberno local está moi satisfeito con este "espertar turístico" de Ponte Caldelas, pois xa está a piques de abrir o Hotel A Reigosa e atópase en obras o Hotel Catavento, a carón do polígono industrial da Reigosa.