Avistan en Pontevedra unha bolboreta americana que non estaba rexistrada nos programas europeos de seguemento
Por Alejandro Espiño
Vanessa virginiensis. É o nome científico dunha especie de bolboreta que, por primeira vez nos programas de seguimento de mariposas BMS de Europa, foi rexistrada en Pontevedra. O achado foi certificado polo Butterfly Monitoring Scheme España, que o incluíu dentro do seu informe anual 2018.
O naturalista pontevedrés José Rodrigo Dapena foi a persoa que avistou esta bolboreta, orixinaria do continente americano e da que ata o momento non se tiñan citas nos diferentes programas de seguimento que se realizan en Europa desde os anos 70.
Nestes programas participan países como España, Francia, Alemaña, Luxemburgo, Bélxica, Holanda, Reino Unido, Irlanda, Suecia e Finlandia, baixo os auspicios da organización para a conservación das bolboretas Butterfly Conservation Europe, e onde participan ademais outra serie de países colaboradores como Letonia, Lituania, Eslovenia ou Romanía.
O avistamento produciuse o pasado 19 de outubro no ENIL pontevedrés da Xunqueira de Alba, no último dos percorridos realizados a pasada tempada por Rodrigo Dapena, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e integrante do programa de seguimento de bolboretas BMS España dentro do ámbito galego.
Trátase dunha única bolboreta entre as preto de 200.000 contabilizadas por estes programas de seguimento o pasado ano en todo territorio español.
Esta bolboreta, coñecida popularmente como dama pintada americana, é unha potente especie migradora de América do Norte, capaz de alcanzar terras europeas grazas ás grandes tormentas que se producen no Atlántico entre setembro e novembro.
As súas ás alcanzan unha envergadura próxima aos sete centímetros. Por encima, adoitan ser de cor alaranxada e por baixo, de cor marrón brillante. As súas ás dianteiras teñen bordos negros e manchas brancas e as posteriores teñen manchas azuladas.
Segundo o informe publicado, xa se coñecían rexistros da especie nos arquipélagos de Azores, Madeira ou as Illas Canarias, e mesmo na propia península ibérica, na súa vertente occidental principalmente, pero non se rexistrara ningún nos 40.000 quilómetros onde os programas de seguimento de bolboretas BMS de Europa realizan observacións oficiais e toman mostras para proxectos científicos de investigación.
Coa tempada 2019 xa en marcha, son catro os anos que o naturalista pontevedrés leva censando bolboretas no seu percorrido de apenas pouco máis dun quilómetro, e onde os labores de cálculo detectaron xa a presenza de 35 especies de bolboretas diúrnas.
Asegura que se trata dunha cifra moi destacable para un ecosistema marismeño como o pontevedrés e que espera ir agrandando co paso dos anos, porque explica que hai varias especies con bastantes probabilidades de ser detectadas nun futuro ao longo deste percorrido.