Máis de 300 especialistas participarán en Pontevedra no Congreso de Xeriatría
Por Almu Dapena
O XXXI Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra os días 26, 27 e 28 de xuño baixo o lema 'Galicia liderando la longevidad Europea con motividades y retos' e no que participarán máis de 300 especialistas de América Latina, Portugal e España.
Galicia atópase entre as comunidades máis lonxevas de toda Europa. Un de cada catro galegos ten máis de 75 anos e máis de 1.700 persoas superan os 100 anos.
Ourense e Lugo atópanse entre as cinco provincias máis envellecidas de Europa e isto "estase vendo como un problema pero non o é, unha sociedade que ten persoas maiores, é unha boa sociedade" comentou Miguel Ángel Vázquez, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. Queren ser creativos e reivindicar servizos para poder coidar das persoas maiores, onde"a creatividade e a innovación esté apoiada por todos. As persoas maiores teñen que adquirir a conciencia de que un se xubila do traballo pero non se xubila da vida", explicou.
Pola súa banda, Natalia Vérez, presidenta do congreso, puxo en común os temas que se van a tratar. Entre eles atópanse os servizos que se están desenvolvendo actualmente e vanse a expoñer as investigacións que se están realizando con persoas maiores en España, Portugal e Sudamérica.
Tamén se expoñerá o valor da lonxevidade como algo positivo con estudos de estilos de vida onde se promovan os saudables, mellorar os servizos sociais e sanitarios para as persoas maiores e, por último, innovar e buscar novas ideas e novas formas para tratar aos maiores e que "Galicia se ponga en la cabeza de Europa en tratamiento de las personas mayores", explicou a presidenta.
O vicepresidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, Javier Pérez Martín quixo remarcar que a capacidade funcional e cognitiva das persoas mantense ata idades moi lonxevas e hai que estudar que "cando se chegue á dependencia, temos un problema moi importante que hai que mellorar concienciando á poboación e aos políticos" concluíu.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, destacou que "é necesario estudar, planificar e mellorar a calidade de vida das persoas maiores" xa que os considera "activos importantes con moito coñecemento".