A defensa do acusado de matar o seu veciño cunha rozadoira alega que o invadiu "un profundo medo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
José Luis Viéitez Alonso, acusado de matar ao seu veciño cunha rozadoira e de tentalo coa filla deste na Cañiza en 2017, senta desde este luns no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra. Un tribunal popular deberá decidir sobre a súa culpabilidade e, sobre todo, sobre as circunstancias nas que se produciron os feitos, pois o home confesou desde o principio a súa autoría, pero alega diversas circunstancias para xustificar a súa actuación.
O xuízo comezou con cuestións previas e sen poder escoitar a declaración do acusado, que está prevista para este martes. En todo caso, a súa avogada defensora, Isabel Teijeira Rodríguez, xa adiantou cales serán as súas alegacións defensivas. Así, mantén que había unha moi mala relación previa entre o seu cliente e a familia das dúas vítimas e que o día dos feitos o seu veciño e a súa filla atacárono primeiro e el atacounos coa rozadoira "coa intención de rexeitar a agresión e intimidación que estaba a sufrir", non con intención de acabar coa vida de ambos, como si aseguran a Fiscalía e a acusación particular.
A avogada defensora asegura que as súas dúas vítimas dirixíronse a el "de forma ameazante" e rodeárono, de modo que "sentiu ameazado por eles". Ademais, a filla do falecido, á que tamén causou graves lesións coa rozadoira, chegou a golpearlle na cabeza co móbil, de modo que el sentiu un "temor real pola súa vida e integridade física".
Nese momento, froito dun "shock", sufriu un "trastorno mental" e actuou con "signos viscerales froito do pánico". Ese ataque hai que entendelo, segundo o seu avogado, no contexto de malas relacións previas, nas que en 2015 mesmo tiveran unha pelexa na que o agora falecido atacoulle cunha barra de ferro, polas que mesmo tivo que mudarse da Cañiza a Vigo e empezou a beber. Toda a situación provocoulle "un profundo medo e un profundo temor". Ademais, alega que tiña problemas co alcool.
O propio acusado, segundo a súa avogada, chamou á Garda Civil tras deixar gravemente aos seus veciños e recoñeceu os feitos, de modo que o seu defensa non se centrará en negar o ataque, senón en que non estaba en todas as súas facultades ao facelo. Así, a súa avogada pide que sexa condenado a un delito de homicidio consumado e outro en grao de tentativa ou, subsidiariamente, a dous de asasinato, pero engade que debe aplicárselle unha circunstancia eximente completa da súa responsabilidade. Como mínimo, cre que deben aplicarlle atenuantes moi cualificadas.
A Fiscalía pide que sexa condenado a 18 anos de cárcere por un delito de asasinato e outro de asasinato en grao de tentativa e si recoñece que debe aplicárselle a circunstancia atenuante moi cualificada de trastorno mental porque actuou, segundo informe médico forense, coas súas facultades volitivas (aquelas que dominan os seus impulsos) afectadas de maneira severa (isto é, intensa), e coas súas facultades intelectivas (aquelas que permiten discernir se o que se fai está ben ou está mal) cunha diminución polo menos moderada (isto é, parcial).
O avogado da acusación particular tamén pide unha condena por dous asasinatos, un consumado e outro tentado, pero eleva a petición de condena a 40 anos, 25 polo primeiro e 15 menos un día polo segundo. No seu caso, o letrado, David Alén Garrido, rexeito a alteración mental e tamén o medo insuperable ao que fai referencia a defensa.
Así, o avogado considera que o acusado actuou de forma "intencionada, violenta e sorpresiva" e realizou unha "brutal agresión" contra as súas vítimas "sen ningún tipo de provocación previa". Ademais, "ensañouse coaas vítimas", atacándoas cunha rozadoira e dirixindo o ataque a órganos vitais cunha "indiscutible intención de acabar coa súa vida". Co seu veciño conseguiuno, coa súa filla non, pero por pouco, pois sostén que "está viva de milagre".
Na súa alegación de acusación insiste en que o día dos feitos a familia "pasou da alegría ao pesadelo", pois xusto ían celebrar que a filla, de 22 anos, acababa de graduarse en Dereito, e acabaron no hospital. Ademais, nega que exista alteración mental e anuncia que achegará un informe psiquiátrico que di que non sufría trastorno.
O fiscal, Juan Sagredo, insistiu en que aquí non se discute o ataque, senón as circunstancias que concorren ao redor, por iso é polo que a "proba estrela" será o informe médico forense, para que os especialistas profunden nas capacidades do acusado á hora de facelo, "se sabía que non pode facer o que está a facer ou se podía dominar os impulsos".
Segundo a información solicitada pola Fiscalía, as malas relacións entre os veciños eran evidentes e remontábanse a anos atrás. A Garda Civil contabilizou polo menos cinco episodios de confrontación e a Fiscalía chegara a formular un escrito de acusación contra o acusado e o falecido por delito de lesións. De todos os xeitos, non considera que quede acreditado o medo insuperable.
Relacionadas:
-
Condenado a 17 anos de prisión por asasinar o seu veciño cunha rozadoira na Cañiza
Por Natalia Puga |
-
Malestar polo trato ao xurado do crime da rozadoira: sen auga en todo o día e ás once da noite sen hotel
Por Natalia Puga |
-
O xurado declara culpable ao acusado do crime da rozadoira da Cañiza
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Os forenses do crime da rozadoira detectan no acusado unha "diminución importante da súa capacidade de controlar os seus impulsos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A filla do falecido no crime da rozadora: "Sen mediar palabra, cortoulle a punta do nariz ao meu pai"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un tribunal popular xulgará na Audiencia de Pontevedra o crime da rozadoira da Cañiza
Por Natalia Puga |