A por os gabachos! Pontesampaio infrinxe unha dura derrota ao mariscal Ney
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
Entre o 7 e 9 de xuño de 1809 durante a Guerra da Independencia Española tivo lugar a batalla de Ponte Sampaio en recordo de cuxas vítimas este sábado botáronse flores ao río.
Segundo explica José Espinosa Rodríguez, na súa obra titulada Terra de Fragoso, o coronel Pablo Morillo foi encargado de organizar e alistar a todas as forzas posibles en torno á cidade de Pontevedra para convertelas nun exército para a loita contra os franceses que tiñan controlada a capital e planeaban tomar o resto da provincia.
Morillo recibiu o encargo de cortar o avance francés e decidiu plantar batalla en Ponte Sampaio.
As tropas españolas cortaron dous arcos da ponte sobre o río Verdugo e atrincheiráronse na beira sur coa intención de deter o avance do Corpo de Exército, mandado polo mariscal Michel Ney. Os defensores contaban con dous canóns facilitados por Antonio Gago, de Marín, e tres provintes de Redondela. Ao mando da defensa do paso estivo o alférez de navío Juan O'Dogherty Browne.
O 7 de xuño, o mariscal Ney, ao mando de 10.000 homes, realizou un ataque frontal sobre a ponte cortada, sendo rexeitado con serias perdas. Ao día seguinte, Ney ordenou a unha parte das súas forzas que atacaran en Caldelas, dúas leguas río arriba, cuxa ponte non se destruíra. Ao outro lado do río, os paisanos do Morrazo, Pontevedra e O Lama atrincheiráronse con pedras e madeiros de árbores. A batalla, ao igual que en Ponte Sampaio, foi terrible. Os mamelucos, a cabalaría de elite do exército francés, cargaron en tres ocasións contra os voluntarios galegos, que os rexeitaron noutras tantas ocasións.
O día 9, Ney convocou consello dos seus oficiais e decidiu a retirada.