Medio Rural prohibe desde o luns as queimas agrícolas polas condicións meteorolóxicas
Por Redacción
O tempo seco dos últimos días unido ás previsións meteorolóxicas máis inmediatas, provocaron que a Consellería do Medio Rural decidise suspender os permisos para realizar queimas agrícolas e forestais en Galicia.
A prohibición entrará en vigor ás 0:00 horas deste luns 25 de marzo.
Isto implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos, xa que as comunicacións e autorizacións de queima carecerán de validez desde o momento da prohibición.
A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación do tempo e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume en tempada de alto risco.
Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal. Ademais, a consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085.