Dous feridos, un deles de gravidade, nun accidente ocorrido de madrugada en Lérez
Por Redacción
Dúas persoas resultaron feridas na madrugada deste sábado tras sufrir un aparatoso accidente de tráfico co coche no que viaxaban.
Segundo informa o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, o suceso produciuse ao redor das 3:00 horas da madrugada na estrada que comunica Pontevedra con Campo Lameiro ao seu paso pola parroquia de Lérez.
Foi un particular o que deu a alerta indicando no coche sinistrado atopábanse dous ocupantes no interior que estarían atrapados e inconscientes.
O Centro integrado de Atención ás Emerxencias puxo a situación en coñecemento do 061, dos Bombeiros de Pontevedra, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e tamén dos voluntarios de Protección Civil.
Os efectivos de emerxencia tiveron que excarcerar aos ocupantes do turismo, e ambos os dous foron trasladados polos servizos sanitarios de urxencia ao hospital de referencia. Segundo o 112, un deles atopábase ferido de gravidade e o outro en estado inconsciente.