Mosquera, convencido de que en dous ou tres anos a compostaxe vai ser un modelo "mundial"
Por Redacción
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, destacou este venres ante un público internacional que nun prazo de dous ou tres anos a compostaxe vai ser un modelo "mundial" que se estenderá de maneira "explosiva" pola necesidade de cambiar os sistemas de tratamento actuais por outros medioambientalmente sostibles.
As declaracións realizounas con motivo da súa participación no seminario internacional sobre os 'Desafíos na xestión ambiental dos residuos' que se celebrou na Deputación Provincial ao abeiro do Plan Revitaliza. Presidiu o encontro xunto coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o director do CEIDA, Carlos Vales.
O seminario debateu sobre a evolución mundial das estratexias de tratamento do lixo baseadas na economía circular coa presenza de máis dun cento de especialistas, persoal técnico e municipal de concellos de toda Galicia; do consultor Ramón Plana e de representantes dos gobernos de Illa do Príncipe e da Universidade de São Paulo.
Mosquera destacou que o Plan Revitaliza é un dos modelos de xestión máis avanzados, se ben o cualificou de "contracultural", xa que supón "unha solución de alto coñecemento e alta cualificación para un problema complexo nun momento no que a sociedade pide respostas ‘simplonas’".
O vicepresidente provincial destacou que o Revitaliza pretende cambiar a cultura do lixo, reconstruíndo o hábito de reutilizar ou reciclar aquilo que deixa de ser útil en lugar de "tirar todo ao colector porque alguén o leva". Ese cambio precisa, na súa opinión, dunha cualificación técnica e facelo persoa a persoa, casa por casa, o que leva moito tempo, pero aínda así en Pontevedra están facéndoo "de maneira rapidísima".
Carmela Silva insistiu en que "a grande prioridade política" a día de hoxe debe ser a preservación do medio ambiente e manifestou que para ela é un orgullo que a Deputación aposte por un modelo "valente, arriscado, pero que permite transformar o espazo no que ten responsabilidades" como é a compostaxe en proximidade.
A última parte do seminario internacional tivo como protagonistas aos representantes da comitiva de Illa do Príncipe e Brasil. No caso de Illa do Príncipe explicouse o programa 'Plástico Zero' para librar o territorio destes residuos a través da reciclaxe, da promoción de uso de elementos biodegradables (como garrafas de auga), así como da aplicación dunha lexislación fiscal que taxa a importación do plástico cara a rexión.
Os representantes da Universidade de São Paulo explicaron os proxectos de xestión de residuos sólidos no Brasil e a experiencia universitaria de tratamento de lixo en marcha dende o ano 1994. O profesor Carlos Sorrentino defendeu que é precisa unha "utopía ecolóxica, realista e democrática que fomente a boa vida da cidadanía, e que esixe rebelións e acción directa como acontece en Pontevedra co Revitaliza".
Relacionadas:
-
Municipios da área metropolitana de Porto interésanse polos centros comunitarios de compostaxe
Por Redacción |
-
O despregamento dos composteiros individuais no rural comezará por Tomeza
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación selecciona persoal para unha bolsa de emprego de mestres composteiros
Por Redacción |
-
Escolares do CEIP San Tomé de Cambados comproban como nace unha miñoca e o seu labor para crear compost
Por Redacción |
-
O presidente de Illa de Príncipe, onde veranean Brad Pitt e Bill Gates, interesado no plan de compostaxe pontevedrés
Por Anxo Lourido |