Ponte Caldelas rexeita a solicitude de licenza para abrir unha sala de velorios na 'Casa das Catequeses'
Por Redacción
Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, asinaba este venres unha providencia para iniciar o procedemento que declare a ineficacia da solicitude de licenza que presentou a empresa funeraria Enterros San Marcos para acondicionar e abrir un local como sala de velorios. A solicitude presentada era para que se instalase no espazo coñecido como 'Casa das Catequeses', un edificio lindeiro co Concello, que ata 1972 era de titularidade municipal.
Segundo explican desde o goberno local, a declaración de ineficacia fundaméntase na cualificación urbanística do inmoble, que aparece nas Normas Subsidiarias de Ponte Caldelas, do ano 1992. Neste documento considérase que o local forma un "conxunto edificatorio" coa Casa do Concello e debe empregarse para usos administrativos.
Ademais, a asemblea mantida por integrantes do goberno coa veciñanza de Ponte Caldelas xa quedara de manifesto o rexeitamento social a esta iniciativa.
ENTREVISTA CON JULIÁN BARRIO
O alcalde Andrés Díaz mantiña, por outra banda, unha entrevista este venres co arcebispo de Santiago, Julián Barrio. Neste encontro mostraba o malestar do Concello e dos residentes en Ponte Caldelas ante o aluguer do inmoble, titularidade do Arcebispado á empresa funeraria.
O representante eclesiástico lamentou o conflito social xerado e apuntou a que a Igrexa quere resolvelo no menor tempo posible. Neste sentido, Barrio sinalou a súa vontade de colaborar co Concello nun futuro para destinar a Casa das Catequeses a usos administrativos ou sociais.
Díaz ten previsto manter un encontro con representantes da empresa funeraria nos próximos días para informarlles da situación.