O Seprona denunciou 1.800 infraccións por agresións ao medio ambiente e malos tratos animais en 2018 en Pontevedra
Por Redacción
As distintas unidades da Garda Civil de Pontevedra, en especial o Servizo de Protección da Natureza (Seprona), detectaron durante o pasado ano 2018 preto de 1.800 condutas lesivas co medio ambiente e os animais que terminaron en denuncia administrativa e investigou ou detivo a 78 persoas.
No apartado de infraccións administrativas -preto de 1.800 denuncias-, destacan as infraccións á normativa sobre animais de compañía con 351 actuacións; as relativas a residuos sólidos e verteduras, con 317; as infraccións á normativa sobre montes, con 221; sobre sanidade animal e epizootias, con 151; e as actuacións relacionadas coa pesca, con 118.
Neste apartado tamén se formularon 98 denuncias formuladas por incumplir a normativa sobre animais perigosos, 76 relacionadas coa normativa sobre augas, 63 por infrinxir as normas sobre urbanismo e ordenación do territorio, 59 relacionadas coa sanidade e medio ambiente e 32 por infraccións á lei de caza.
A Garda Civil realizou este venres balance das actuacións do Seprona durante o ano anterior e destacou que os axentes deste servizo lograron esclarecer a práctica totalidade dos delitos denunciados, un 95´5% do total, e houbo un total de 78 persoas detidas ou investigadas.
Neste apartado destacan 41 delitos relativos á ordenación do territorio e á protección do patrimonio histórico e do medio ambiente, con 2 persoas detidas e 25 investigadas. Deles, houbo 28 delitos de malos tratos ou abandono de animais domésticos cun 64% de casos esclarecidos que deron lugar á detención ou investigación de 9 persoas.
No ámbito dos delitos contra a seguridade colectiva rexistráronse sete delitos de incendios forestais con dúas persoas detidas e nove investigadas e tamén se investigaron outros 16 delitos por defraudación de fluído eléctrico, cun balance de catro persoas investigadas.
Á hora de facer balance, o Seprona destaca como unha das principais actuacións do ano a operación Hiposacro, realizada en aplicación do convenio sobre o comercio internacional de especies ameazadas de fauna e flora silvestres (CITES) e na que foi detido un veciño de Salvaterra do Miño que tiña un almacén ilegal nun pazo no que gardaba 150 exemplares animais naturalizados, todos eles de especies protexidas, entre os que figuran numerosos especímenes, algúns de gran valor ecolóxico.
As tarefas do Seprona tamén inclúen outro tipo de actuacións como 1.291 actas por inspeccións realizadas nos distintos ámbitos das súas competencias específicas: residuos e verteduras (273), animais de compañía (204), montes (151), sanidade animal e epizootias (91), augas (81) e urbanización e ordenación do territorio (49).
Relacionadas:
-
Arden 5,5 hectáreas nun bosque de Cuntis
Por Almu Dapena |
-
O Seprona, tres décadas protexendo moito máis que a natureza
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Desmantelan un almacén clandestino con 50 pezas de arte sacra e 154 animais protexidos naturalizados
Por Natalia Puga |
-
O Seprona investigou 151 delitos contra o medio ambiente na provincia durante o 2017
Por Redacción |