Piden catorce anos de cárcere para dous mozos acusados de violar unha amiga en Vilagarcía
Por Redacción
A Fiscalía solicita catorce anos de prisión para os dous mozos de Vilagarcía de Arousa que serán xulgados pola Audiencia de Pontevedra o vindeiro martes 26 de marzo, acusados de violar a unha amiga que se atopaba baixo os efectos do alcol e dun fármaco.
Os feitos, segundo recolle o escrito de acusación, producíronse o 18 de maio de 2013 no domicilio dun dos acusados, onde os tres mozos estiveran facendo botellón.
O fiscal relata que tras regresar do concerto ao que acudiran despois de beber alcol en casa a vítima, que se atopaba "aturdida" pola inxesta de bebidas alcohólicas e un fármaco, quedou durmida na cama dun dos amigos, mentres que o outro mozo estaba na cama contigua.
Ambos os amigos "de común acordo", segundo a acusación, comezaron a quitarlle a roupa á vítima e, aínda que a moza espertou e rogoulles que parasen, un deles violouna mentres o outro a agarraba por un brazo para impedir que se resistise.
Un dos acusados, o que consumou a violación, considéraselle autor dun delito de agresión sexual; mentres que o fiscal considera ao seu amigo "cooperador necesario".
Ademais da pena de cárcere para ambos, a Fiscalía reclama unha orde de afastamento con respecto á moza e unha indemnización de 9.000 euros en concepto de danos morais.
Relacionadas:
-
Absoltos os dous acusados de violar unha moza en Vilagarcía despois dun "botellón"
Por Redacción |
-
As defensas dos acusados por agresión sexual en Arousa alegan "lagunas y contradicciones" no relato da vítima
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Fiscalía rebaixa a petición de pena para un dos dous acusados de agredir sexualmente unha moza en Vilagarcía
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |