Catro galiñas e un galo dan sentido á escultura do Mercado
Por Oskar Viéitez
A escultura do Mercado de Pontevedra volve ter sentido desde que este venres, ás dez e media da mañá, completouse o conxunto con catro galiñas e un galo.
Este grupo escultórico en bronce creado pola artista Cuqui Piñeiro foi instalado no ano 2009 ante a Praza de Abastos, pero ao pouco tempo desapareceron as galiñas deixando soa á súa dona nunha pose estraña.
Nesta ocasión as aves forman unha única peza de bronce, reforzando as súas suxeicións para ancorar o conxunto con máis firmeza ao chan e opoñer así maior resistencia á acción dos vándalos.
Dúas das pitas topábanse custodiadas polo Concello, que encargou que se completase o conxunto con outros tres exemplares máis.
Aínda que a súa colocación estaba prevista para o pasado mes de febreiro, finalmente non se puideron pór até hoxe dado que foron necesarias as dúas pitas que tiña o Concello para empregalas para o molde e facer as novas pezas. O custe foi de 3.000 euros.
Despois da recuperación da escultura de Ravachol, algúns chancean co regreso das aves á Boa Vila na primavera.