A Xunta traslada á Deputación a súa "plena e inmediata disposición" a asumir o Museo
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha carta asinada polo vicepresidente da Xunta e o conselleiro de Cultura, Alfonso Rueda e Román Rodríguez, deixa clara a postura do goberno galego con respecto ao Museo de Pontevedra.
Ambos, en resposta á proposta da Deputación de Pontevedra, sinalan a "plena e inmediata disposición" da Xunta a asumir a xestión do Museo de Pontevedra.
Así llo fan saber, a través desta misiva, á presidenta provincial, Carmela Silva.
Iso si, mentres que o goberno da Deputación propoñía a constitución dunha comisión de transferencias para abordar a transferencia de seis centros -oferta que ademais do Museo incluía Príncipe Felipe, Areeiro, Mouriscade, a Escola de Cantería e Enfermería-, a oferta da Xunta, polo menos polo momento, limítase ao Museo pontevedrés.
Rueda e Rodríguez sinalan que, para poder iniciar xa os traballos desta comisión coa "maior brevidade posible", a Deputación debe remitir a documentación necesaria para coñecer a situación orgánica e de persoal da institución cultural.
MALESTAR NA DEPUTACIÓN
Esta resposta, con todo, non gustou na Deputación de Pontevedra. Fontes do goberno provincial sinalaron a PontevedraViva estar "fartos" de que a Xunta de Galicia "maree a perdiz" e acúsana de "tomar o pelo" á cidadanía.
Aseguran que a Deputación non negociará só por Museo, senón que a transferencia desta institución inclúese dentro dunha oferta "global" para facerse cargo dos outros cinco equipamentos, ao que o executivo provincial engadiría unha achega de dez millóns de euros anuais.
Ademais, reclaman que o goberno galego convoque formalmente unha comisión de transferencias para abordar esta cuestión que, lembran, xa foi solicitada pola Deputación "hai tres anos, hai dous meses e hai quince días" e que, na súa carta, a Xunta non responde o requirimento polo Pazo de Lourizán.
"Acabáronse as cartas epistolares. O que tiñamos que dicir xa o dixemos", sinalan estas mesmas fontes.
Relacionadas:
-
Agardan materializar no primeiro semestre de 2023 a transmisión da titularidade do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE lembra ao PP que a Xunta debe asumir a titularidade da Escola de Cantería de Poio
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras pide "que non se utilice aos traballadores con finalidade política"
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballadores do Museo opóñense a que sexa un organismo autónomo e que se transfira á Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
Cultura pide información sobre o Museo para "comezar a traballar" no seu traspaso
Por Alejandro Espiño |
-
"Órdago á grande" da Deputación. Ofrece á Xunta o traspaso de 6 equipamentos
Por Oskar Viéitez |