Tráfico sorprende un condutor ebrio e drogado circulando a velocidade excesiva no Campiño
Por Redacción
A Garda Civil de Tráfico interceptou nas proximidades do polígono industrial do Campiño a un turismo que circulaba a 123 km/h nun tramo de vía limitado a 50. O condutor do vehículo dió positivo en alcol e drogas.
Segundo informaron fontes oficiais da Garda Civil, ás 01.36 horas do pasado 23 de febreiro un condutor, de 24 anos e veciño de Pontevedra, foi detectado por un equipo radar do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, nunha das vías de acceso a este polígono, a unha velocidade excesiva, 73 km/h por encima do límite legal.
Ao mesmo tempo, este condutor foi denunciado por conducir cunha taxa de alcol de 0,53 mg/l en aire e coa presenza de máis de 500 ng/ml en saliva de cocaína, segundo confirma o informe do laboratorio recibido estes últimos días, o que evidencia un consumo moi recente desta substancia, moi pouco antes de poñerse ao volante do seu turismo.
A grave irresponsabilidade deste mozo condutor, que xa só contaba cun saldo de nove puntos no permiso de conducir, pode levar aparellada a detracción de 18 puntos e con iso a perda da vixencia do seu permiso de conducir, ademais dunha sanción económica de 2.600 euros.
Tráfico sinala que estas condutas constitúen os principais factores de risco que concorren nos accidentes en xeral e nos máis graves en particular, así supoñen un grave problema de seguridade viaria tanto para os responsables como para os demais condutores e outros usuarios.
O Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra seguirá intensificando a vixilancia nos lugares onde se prevexa a concentración de vehículos coa finalidade de realizar exhibicións ou manobras temerarias e en particular no Polígono do Campiño.