Roubo nun pub do centro histórico: "La botellería la desplumaron"
Por Natalia Puga
A Policía Nacional mantén aberta unha investigación para dar cos autores dun roubo que causou grandes prexuízos a un hostaleiro do centro histórico de Pontevedra. Os ladróns roubáronlle unha televisión, unhas 40 botellas de alcol e o diñeiro dos cambios que tiña na caixa rexistradora, pero, máis aló do impacto económico e das desfeitas no local, a maior complicación é que, nestes momentos, non está en disposición de abrir, pois quedou sen mercadoría para servir aos clientes.
O local afectado é a Pasaxe 2.0, situado na rúa Charino de Pontevedra. O seu responsable, Manu Rey, acudiu a última hora da mañá deste mércores á Comisaría Provincial para formalizar a denuncia, aínda que xa pola mañá alertara á Policía Nacional do ocorrido e desprazáronse ata o establecemento efectivos policiais para empezar coas investigacións.
En declaracións a PontevedraViva, o responsable relata que se decatou do roubo sobre as 7.00 horas deste mércores. Recibiu unha mensaxe de texto dunha persoa que acababa de ver a porta do seu local aberta e chamoulle a atención. El tamén se sorprendeu, pois na noite do martes nin sequera abriu o local e debería estar pechado, de modo que se desprazou inmediatamente a comprobar que sucedía.
Nada máis entrar xa comprobou que forzaran a porta para entrar e, unha vez no interior, estaba todo revolto e esnaquizaron o moble da televisión e levaron o aparello e levaron unhas 40 botellas que na denuncia valorou nuns 500 euros. Ademais, forzaron ao caixa rexistradora e levaron uns 200 euros en cambios que gardaba.
O dano puido ser peor. "Tuve la suerte de que vine ayer y no dejé más cosas aquí dentro", relata o afectado. Aínda así, "la botellería la desplumaron" e aínda que ten un seguro de responsabilidade civil que lle cubrirá os danos e obxectos roubados, deberá repoñelos el antes para poder abrir.
"Es más el fastidio que en só el robo", recoñece. E móstrase sorprendido pola actitude dos ladróns, pois levaron todas as botellas, pero deixaron outros obxectos de máis valor. Así, no primeiro piso do local ten outra televisión e un futbolín que non levaron e tamén deixaron obxectos como o aparello do TPV. "¿Por qué? Se llevaron muchísimas botellas y no cosas de valor. No tiene ningún sentido", pregúntase.
Os investigadores aínda non puideron establecer cando se produciu o roubo. O pub estivo aberto na noite do luns ao martes e logo o martes acudiu o responsable para ver como quedara tras a noite de marcha. Desde entón, ninguén debería entrar.