Un accidente con sete feridos que resultou ser unha estafa
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Pontevedra instruíu dilixencias por un presunto delito de danos intencionados e estafa por mor dun accidente de circulación na Avenida de Uruguai con sete feridos de carácter leve.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, o sinistro tivo lugar sobre as 17:20 horas do pasado 28 de febreiro na glorieta da Avenida de Uruguai con Jofre de Tenorio, fronte ao Club Náutico de Pontevedra.
No sinistro estaban implicados dous vehículos, un Hyundai no que viaxaban cinco persoas e un Mazda, con dous ocupantes. Todos eles con supostas feridas de carácter leve.
Con todo, aos axentes desprazados ao lugar parecéronlles sospeitosas as circunstancias do suceso atopando indicios claros de que puido ser provocado.
Segundo os testemuños solicitados no lugar dos feitos o Hyundai circulaba polo carril exterior da rotonda e ao decatarse que o Mazda dirixíase polo carril esquerdo coa intención de abandonar a glorieta para seguir recto, métese na súa traxectoria e choca por arremetida de forma intencionada. Acto seguido, posiblemente para dar maior aparencia de feito eventual, o Hyundai dá un volantazo e acelera para chocar contra os vehículos estacionados a 30 metros de distancia.
Os ocupantes do Hyundai estiveron implicados en 13 accidentes de circulación nos dous últimos anos
As declaracións das testemuñas alertaron aos axentes de que, con anterioridade, o vehículo Hyundai tivera un incidente cando circulaba pola Avenida de Uruguai adiantando a un vehículo e poñéndose diante para provocar un accidente.
Polo que, unha vez solicitada toda a información, tanto dos participantes como da recollida de pegadas, por parte da Policía Local instrúense dilixencias por un presunto delito de danos intencionados e estafa.
Posteriormente, a investigación aberta confirmou que os ocupantes do Hyundai estiveron implicados en 13 accidentes de circulación nos dous últimos anos. Un dos investigados, ata en doce ocasións, outro con dúas e un terceiro en tres sinistros constando como lesionados.
Doce destes accidentes foron na cidade de Pontevedra e destes case a totalidade na avenida de Uruguai, especialmente nas distintas glorietas.