As vítimas de Angrois senten como unha "ofensa" que Ana Pastor encabece a lista do PP por Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Plataforma Vítimas Alvia 04155 cualificou de "ofensa" que a presidenta do Congreso e exministra de Fomento Ana Pastor fose nomeada como cabeza de lista do PP pola provincia de Pontevedra para as próximas eleccións xerais. "A ofensa continúa para as vítimas e familiares do Alvia", sinalan nun comunicado.
Este colectivo entende que Ana Pastor foi "a persoa que máis traballou desde as institucións públicas para tratar de ocultar as verdadeiras causas dunha traxedia que acabou coa vida de 80 persoas e deixou máis de 140 feridos".
La Plataforma asegura de Pastor "mentiu ás vítimas e á cidadanía" e apunta que "diferentes autos dos xuíces sinalaron a falta de colaboración coa xustiza" e que, sendo ministra de Fomento, "presionou á UE tratando de ocultar un informe crave sobre a traxedia".
"Grazas á nosa loita finalmente conseguimos o demoledor informe da UE que desmontaba a 'verdade oficial' que con Ana Pastor á cabeza, quixeron impoñer: que se fixo unha investigación independente, que o maquinista era o único responsable e que o accidente non era de Alta Velocidade", aseveran.
A plataforma de afectados entende que "para Ana Pastor e o seu equipo os negocios eran máis importantes que buscar a verdade e depurar responsabilidades".
"Queremos transmitirlle que, en calquera democracia que se prece, unha persoa co seu 'currículo' non só non se presentaría ás eleccións xerais, senón que o que faría é irse á súa casa pedindo antes perdón por toda a dor que xerou", conclúe o comunicado da Plataforma Vítimas Alvia 04155.