Fuxe da ambulancia tras estrelarse co coche
Por Oskar Viéitez
O condutor dun vehículo que sufriu un accidente de tráfico na Avenida de Vilagarcía, na parroquia de cambadesa de Corbillón protagonizou este domingo un curioso suceso.
Segundo informaron desde Protección Civil de Cambados o sinistro tivo lugar ás 7:47 da mañá. Por causas que se descoñecen o coche saíuse da vía e atravesou a rotonda, levou por diante os valos de protección e acabou estrelándose contra outro vehículo que estaba estacionado no aparcadoiro dun supermercado.
Nese momento pasaba polo lugar unha ambulancia do 061 que ía de camiño á base e que ao ver o sinistro acudiu a prestar axuda.
O sorprendente deste relato é a reacción que tivo o condutor, que ao ver ás emerxencias saíu inmediatamente do coche, pechouno con chave e escapou correndo do lugar dos feitos.
A Policía Local e a Garda Civil están a investigar o suceso.