Cerdedo Cotobade deseña un polígono industrial en Santa María de Sacos
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de recibir un informe favorable da Xunta de Galicia ao seu documento de inicio para a modificación das normas subsidiarias reguladoras do Urbanismo no territorio de Cotobade orientada á reserva dunha ampla zona de solo industrial en Monte Mocín. Este espazo, situado entre as parroquias de Santa María e San Xurxo de Sacos, dispón de case 118.000 metros cadrados que o goberno local pretende recalificar como área empresarial.
Agora, tras superar este trámite fundamental, o Concello ten previsto continuar coa modificación do seu regulamento urbanístico, polo que se solicitarán os correspondentes informes sectoriais aos demais organismos afectados e se abrirá o correspondente prazo de exposición pública á veciñanza.
O Concello de Cerdedo-Cotobade, que xa informou á parroquia de Santa María de Sacos –é a principal afectada– deste proxecto empresarial nunha xuntanza celebrada hai tres semanas, pretende dispoñer dunha segunda área industrial, xunto á xa existente na zona cerdedense do Sangal, para poder ofrecer distintas alternativas a empresarios que estean interesados en asentarse no municipio.
O documento de inicio do solo industrial de Monte Mocín contempla 52.318 metros cadrados para parcelas industriais de uso xeral e 5.703 metros para proxectos niño ou en fase de creación, 1.700 metros cadrados para uso terciario, preto de 25.000 para zona verde e unha cifra similar para o viario. Dentro deste último apartado, contémplase a creación dunha rúa en forma de U con dos ramais anexos e catro rotondas, así como un carril-bici que ocupará 2.525 metros cadrados.
O futuro polígono de Monte Mocín conta con bastantes posibilidades, xa que se trata dunha zona susceptible de ser ampliada no futuro e ademais dispón de accesos axeitados á estrada N-541 –o único espazo do municipio con entrada e saída a ambos sentidos da Nacional– e a Pontevedra a través dun paso subterráneo.