Críticas pola eliminación da rotonda do Burgo
Por Redacción
A peonalización e peche ao tráfico rodado da ponte do Burgo permitiu recuperar este valioso viaducto medieval para uso e disfrute da cidadanía, pero as medidas adoptadas para a reordenación do tránsito rodado están a suscitar críticas.
O concelleiro socialista Iván Puentes traslada o malestar veciñal ante o "caos de tráfico" que se xerou no entronque coa avenida da Coruña e Xoán Manuel Pintos "especialmente nas horas punta de entrada e saída dos postos de traballo".
Sinala o PSOE que os "embotellamentos" véñense producindo dende a supresión da rotonda da gasoliñeira da ponte do Burgo, para xerar unha praza pública nesa cabeceira.
Segundo explica Iván Puentes, a raíz do problema atópase nunha "deficiente planificación" xa que "os coches que baixan dende a avenida da Coruña só poden xirar á dereita, cara a ponte das Correntes, no cruce con Domingo Fontán, xa que se atopan cunha liña continúa que lles impide xirar á esquerda, cara o Pavillón Municipal de Deportes e o campus universitario (cousa que antes si se podía facer coa rotonda)".
O edil di que, por mor desta situación, "tódolos veciños que viven no Burgo e Pasarón, e tamén os que entran por aí á cidade dende as parroquias de Lérez e Alba, vense obrigados a xirar á dereita no cruce, irse até a rotonda da ponte das Correntes e volver outra vez cara atrás se queren ir en dirección á Xunqueira".
Iván Puentes subliña que "é absurdo pintar unha liña continúa cando hai tres semáforos". O concelleiro do PSOE cre que se trata do problema cunha solución moi sinxela: "poñer eses semáforos a funcionar para regular o tráfico"