Os comerciantes saen á rúa para estrear a reforma de Virxe do Camiño-José Casal
Por Oskar Viéitez
Veciñanza e comerciantes saíron este sábado "A Pé de rúa" para estrear o remodelado eixo viario Virxe do Camiño-José Casal.
A música e as actividades infantís ocuparon as rúas, ao tempo que establecementos hostaleiros sacaron fóra distintas propostas e os comercios fixeron descontos. O 100% dos comerciantes e hostaleiros das dúas rúas participaron de xeito activo na cita.
A concelleira Anabel Gulías sinalou que na rúa estase a detectar o interese empresarial por abrir algúns locais que ata agora non tiñan actividade.
"A pé de rúa" é unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica e da Cidade para visibilizar o comercio local das distintas rúas da cidade, fóra do eixo central. A iniciativa enmárcase nunha estratexia global de creación dunha marca para promocionar o comercio da cidade: Pontevedra Capital Shopping.
"O mellor escaparate para o comercio local é ter un espazo público en condicións, de alta calidade urbana e por iso as reformas que se fan nas rúas teñen importancia para mellorar a calidade de vida das persoas residentes mais tamén para mellorar a vida do noso comercio" mantén Anabel Gulías, unha filosofía que guía o programa.
Virxe do Camiño é a primeira cita desta nova edición de "A Pé de rúa", as seguintes serán o sábado, 23 de marzo Cruz Vermella; o sábado, 30 de marzo Cruz Gallástegui; o sábado, 4 de maio a Rúa Suecia e o sábado, 11 de maio "Rizando o rizo".