A Fiscalía pide 14 anos para o acusado de violar a unha moza
Por Oskar Viéitez
A Sección segunda da Audiencia de Pontevedra sinalou para o vindeiro venres 22 de marzo un xuízo por un delito de agresión sexual e outro leve de lesións.
A Fiscalía solicita catorce anos de cárcere e 810 euros de multa para este home acusado de violar a unha muller na madrugada do 4 de decembro de 2016 tras levala á forza ata unha rúa sen saída próxima a unha discoteca. Tamén reclama que indemnice con 9.000 euros á muller polos danos morais ocasionados. O caso procede do Xulgado de Instrución número 2 de Tui.
No banco da Audiencia sentará A.S.M., que segundo o escrito de acusación da Fiscalía aproveitando que a moza "estaba baixo a influencia do alcol" e algo "mareada" suxeitou dun brazo á moza e tirou dela ata levala a unha pequena rúa sen saída onde a empuxou tirándoa ao chan e aproveitándose do seu estado e da súa "curta idade", rompeulle a roupa, tapoulle a boca e violouna.
A muller sufriu lesións en diversas partes do corpo.
O acusado ten prohibido achegarse a menos de 500 metros á moza, ao seu domicilio, centro de estudos ou a calquera outro lugar no que se atope e comunicarse con ela por calquera medio. O representante do Ministerio Público pide que tamén que esta medida esténdase por 10 anos máis no caso de que sexa condenado.