A Xunta abre o prazo de matrícula nas escolas infantís para os nenos vacinados
Por Redacción
A Xunta abre a partir deste sábado e ata o vindeiro día 5 de abril o prazo de inscrición para o curso 2019/20 nas escolas infantís da rede autonómica da Galiña Azul. Tamén se abre o prazo nas 492 prazas públicas concertadas con centros de titularidade privada.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres estas tres resolucións, que por primeira vez inclúen como requisito o cumprimento do calendario de vacinación oficial para acceder a un centro público ou praza concertada.
Ao respecto desta nova exixencia cómpre indicar que as familias contarán con 8 días unha vez confirmada a adxudicación da praza no DOG para presentar no centro correspondente o impreso de matrícula debidamente cuberto e unha copia da cartilla de vacinación da súa filla ou fillo.
O obxectivo desta medida, que conta co amparo da lexislación vixente e conta co respaldo da ampla maioría dos profesionais médicos, axudará a garantir a protección da saúde nestes espazos públicos.