Homenaxean a Concepción Rey Rios pola súa cooperación e compromiso co movemento veciñal
Por Redacción
A asociación veciñal de Eduardo Pondal renderá tributo esta fin de semana á veciña Concepción Rey Ríos dentro da habitual homenaxe que organizan dese hai catro anos con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora en todo o mundo o 8 de marzo.
Trátase dunha homenaxe anual ás mulleres que se puxo en marcha no ano 2016 e que este ano terá como protagonista a Concepción Rey Rios "pola súa cooperación e compromiso co movemento veciñal e as súas participacións cara esta asociación":
De Concepción Rey Rios destacan que naceu en Bueu e está orgullosa de ser filla de mariñeiro e peixeira. É unha muller ligada ó mar dende que naceu que estudou biblioteconomía en Ferrol, traballando mais tarde en Londres onde perfeccionou o idioma inglés. Á súa volta da diáspora comezou a traballar no Museo de Arte contemporáneo de Vigo polo Plan de inserción laboral para xente con estudos, traballo que deixa por motivos de saúde tras ser diagnosticada dunha enfermidade dexenerativa.
Concepción Rey tomou a dura decisión de deixar a súa vila natal trasladarse a Pontevedra para recibir tratamento e ter medios de rehabilitación mais próximos. Dende esa chegada a Pontevedra involucrouse na asociación veciñal de Eduardo Pondal, participando en todas as súas actividades culturais e reivindicativas. Grazas a súa experiencia previa, puxo en marcha a biblioteca da asociación que neste momento conta con mais de mil títulos e cun estado de funcionamento perfecto.
A homenaxe será este sábado 16 de marzó ás 12.00 no Centro Social do Gorgullón.