O Concello de Cuntis traballa no proxecto para mellorar o acceso de tráfico ao centro de saúde
Por Redacción
O Concello de Cuntis e a demarcación de estradas do Estado queren mellorar a seguridade na intersección da Rúa da Presiña coa intención de mellorar a circulación de vehículos e o tránsito de viandantes na N-640. O proxecto que se está a acometer contempla a regulación dos xiros e dos cambios de sentido, que non se poden efectuar na actualidade.
Manuel Campos, alcalde de Cuntis, realizaba esta xestión ante a demarcación de estradas do Estado coa idea de mellorar a articulación do tráfico rodado que circula cara á zona na que se atopa o centro de saúde de Cuntis.
Con esta intervención preténdese establecer un acceso alternativo á rúa Castelao á N-640, que soporta un tráfico de 7.000 vehículos ao día.
Na próxima semana, segundo afirma o goberno local, está previsto tamén o asfaltado de toda a travesía de Cuntis, que presenta deficiencias graves no pavimento.