Un concurso busca captar como viven os nenos o modelo de cidade
Por Redacción
O Concello de Pontevedra acaba de poñer en marcha o proxecto 'A cidade en imaxes', unha iniciativa vencellada co modelo de cidade dos nenos que inclúe un concurso de fotografía e tres xornadas fotográficas para a infancia.
O proxecto está promovido pola Concellería de Promoción da Cidade da man con Taller Abierto e ten xa aberta a inscrición para participar no concurso a través de www.pontevedra.gal/cidade-en-imaxes/. Na mesma ligazón tamén se poden consultar as bases.
En relación co concurso, 'A cidade en imaxes. A xogar!', o Concello deu a coñecer que a temática xira arredor de como os nenos viven o espazo público de Pontevedra, co obxectivo de recoller testemuñas da calidade de vida e a autonomía da cativada na cidade.
Poderá participar no certame toda persoa maior de idade que o desexe, sexa profesional ou afeccionada á fotografía. A imaxe gañadora será premiada con 800 euros.
O prazo de recepción de propostas abriuse este xoves 14 de marzo, ao mediodía e pechará o día 22 de abril ás 23.59 horas.
En relación coas xornadas fotográficas para nenos, o programa inclúe actividades na Casa da Luz os días 23, 30 e 31 de marzo, o primeiro e o último día de 12.00 a 13.00 horas e o día 30, de 11.00 a 12.00 horas.
Trátase de xornadas dirixidas a persoas de 8 a 12 anos, que percorrerán a cidade para fotografar o que lles chame a atención da súa contorna. As instantáneas serán feitas con cámaras dun uso e serán reveladas e seleccionadas para formar parte dunha publicación do Concello de Pontevedra cun deseño orientado á promoción turística da cidade.