Pousos da Area asume a organización do Bolo do Pote de Marín
Por Redacción
A asociación folclórica Pousos da Area organizará a partir de agora, coa súa décimo sétima edición, a festa do Bolo do Pote. Nesta ocasión, celebrarase o próximo domingo 17 de marzo na Alameda Rosalía de Castro en Marín.
Este evento gastronómico leva quince anos encadrándose dentro da programación do entroido marinense e na que se degusta este prato tradicional que no pasado foi moi popular na cociña de toda Galicia.
Tradicionalmente, o bolo do pote elaborábase en todas as casas acompañando ó típico cocido de carne e verduras. Facíase rápido, era saboroso e combinaba as fariñas dispoñibles nas casas.
O bolo do pote estivo séculos compartindo mesa co cocido, mais coa chegada do progreso e a mellora de circunstancias económicas dos fogares, mercar pan deixou de ser un luxo para as clases altas e pasou a ser algo habitual e cotiá, facendo desaparecer este alimento dos menús.
Este ano, avanzan os seus organizadores, amplíase a programación do Bolo do Pote, A partir das 12:00 na Alameda Rosalía de Castro comezará a degustación do bolo do pote, no que se ofrecerán 1.000 racións cociñadas durante toda a noite do sábado e consistentes en bolo do pote, chourizo, orella e un vaso do caldo no que se cociñaron os bolos.
A esa hora, haberá tamén xogos tradicionais organizados pola Asociación Cultural Santo Tomé de Piñeiro, recuperando o tradicional "urra-las olas", no que se xoga con potes de barro cocidos.
Como novidades da edición deste ano, haberá unha pequena mostra de artesanía con postos variados nas que se poderán mercar produtos de produción artesanal, así como tamén pan, salgaduras e embutidos artesáns. Para a ambientación musical contarase coa actuación do grupo de música folk Comando Foucellas e da agrupación anfitrioa.
Ademais, o día anterior, sábado 16 de marzo, haberá actividades na Alameda Rosalía de Castro a partires das 18:00 encadradas dentro destas Xornadas do Bolo do Pote.