A familia socialista homenaxea á veterana Maruja Serafín polo seu compromiso social
Por Redacción & Mónica Patxot
Aos seus 83 anos, Maruja Serafín segue a ser una orgullosa militante do PSOE e, nesta ocasión, ela foi a escollida para que os seus compañeiros organizaran unha merecida homenaxe co gallo do Día Internacional da Muller.
Esta veterana dirixente veciñal recibiu o agarimo dos seus compañeiros con moita humildade e unha emoción difícil de disimular. "Non me gustan as homenaxes, pero sempre loitei contra as inxustizas e alégrame que outras mulleres me poidan ver como unha referente do feminismo e da loita polos dereitos veciñais e sociais", sinalou.
Militante activa do PSOE pontevedrés dende 2001, Maruja Serafín foi durante moitos anos a voceira das reivindicacións dos veciños de Estrigueiras, Fontesanta e Campolongo Sur, unha labor á que pode mirar con moito orgullo porque recorda que "loitei moitísimo e a verdade é que estou feliz das cousas que conseguimos polo barrio".
Nai de sete fillos, doce netos e seis bisnetos, a homenaxeada, que tivo que "criar e coidar soa dos nenos", amosou a súa repulsa contra a violencia machista, afirmando que lle pon "a pel de galiña o que se está a facer coas mulleres e cos nenos".
A súa implicación na vida política e no seo das forzas vivas da cidade segue a ser moi activa, ata o punto de pechar xunto con José Benito Gama a candidatura coa que o PSOE concorrerá ás vindeiras eleccións municipais.
De feito, a pesares da súa idade e de ter dúas próteses de xeonllo por culpa dun accidente de tráfico, asegurou que está en plena forma para participar na campaña e que "pelexará polo partido ata que caia morta".
O acto de homenaxe que tivo lugar na sede do PSOE en Pontevedra contou cunha nutrida asistencia de militantes e simpatizantes socialistas, entre os que se atopaban a súa secretaria xeral, Maica Larriba, ou o candidato á Alcaldía, Tino Fernández.
Ademais da xa tradicional entrega dun ramo de rosas vermellas e do agasallo dunha figura de Rosalía de Castro de Sargadelos, os compañeiros de partido tamén lle fixeron a Maruja Serafín un vídeo de agradecemento pola súa inxente labor.
Con este xa tradicional recoñecemento en torno ao 8M, o PSOE pretende visibilizar a labor dalgunhas das moitas mulleres que, a través da súa loita e traxectoria persoal e profesional, traballan na defensa dos ideais socialistas de feminismo, liberdade e xustiza.