Animan á rapazada de Barro a ser "policía medioambiental" na loita contra a velutina
Por Redacción
Os voluntarios do grupo Stop Velutina Barro tentan concienciar á poboación máis nova sobre a importancia de erradicar á vespa asiática. Por tal motivo iniciaron nos centros educativos unha serie de charlas con parte teórica e práctica. A primeira delas tivo lugar no IES de Barro.
Os voluntarios, Manolo Outón, Elena Landín e Sofía Ruibal, xunto co coordinador do grupo Stop Velutina e tenente de alcalde, José Sanmartín, repasaron primeiro co alumnado a problemática desta plaga. Despois, ensinaron aos escolares a elaborar trampas, indicándolles que líquido atraínte usar: zume de arándanos, cervexa negra e viño blanco do país.
Ademais da elaboración das trampas, os alumnos e mestras fixéronse voluntarios da asociación e serán a "Policía Medioambiental de Barro".
Os escolares adquiriron o compromiso de colocar as trampas e levar un mantemento do líquido atraínte cada 12 ou 15 días.
Asimesmo, cada alumno recibiu unha libreta cun bolígrafo e colgador, para anotar o número de velutinas e outros insectos capturados na trampa para así facer un estudio que coordinarán as mestras de Ciencias e Bioloxía.
A seguinte charla terá lugar este mércores 13 de marzo co alumnado de sexto de Primaria do colexio de Barro. A asociación non descarta facer en máis institutos esta mesma actividade.