O Serán de Airiños da Fracha xuntará máis de 30 grupos
Por Redacción
O grupo Airiños da Fracha ultima a celebración da sétima edición do seu Serán popular. A cita será no local da discoteca Reivi este sábado, día 16, a partir das 21 horas e "ata que o corpo aguante".
O presidente de Airiños da Fracha, Pablo Martínez Tomé, celebrou unha xuntanza co alcalde, Andrés Díaz, na que se pecharon tódolos detalles dun evento co que están realmente ilusionados e co que esperan atraer a medio millar de persoas. A entrada ao evento é completamente gratuíta e, ademais, sortearase un xamón entre os asistentes que adquiran a rifa.
O goberno local apoia este tipo de eventos e agradece a Airiños da Fracha que apostara por traer o evento para Ponte Caldelas, onde se celebra por segundo ano, dado que as primeiras cinco edicións tiveron lugar en Marcón.
Os Airiños invitan a agrupacións folclóricas de toda Galicia a vir a actuar nesta xornada e xa teñen confirmados a máis de 30 grupos. Cada un deles interpretará tres pezas musicais. Á media noite celebrarase o concurso de aturuxos e, a continuación, serviranse callos ao público. Xa entrada a madrugada recuperaranse forzas cunha chocolatada.
O grupo Airiños da Fracha naceu en 2012 e está integrado por sete músicos. Conta coa formación típica dunha charanga galega, modalidade que están empeñados en recuperar.
A diferencia cun grupo tradicional está nos instrumentos, pois eles utilizan bombo con platillo, saxo e acordeón, ademais das gaitas e panderetas. Pero tamén está na vestimenta, pois locen a roupa de "a cotío", que se diferencia do atavío típico dos gaiteiros, co uso de prendas como os chalecos, puchos ou sombreiros. O seu repertorio é o tradicional das festas galegas, pero tamén inclúe unha ducia de cancións propias nas que mesturan costumes típicas con historias divertidas.
Airiños conta coa colaboración estable do Concello de Ponte Caldelas, que o incluíu no seu Plan Cultural, e actúa ao longo do ano por case tódolos pobos do municipio, pero tamén fai saídas ao resto de Galicia.