Unha condutora, ferida ao precipitarse o seu turismo por un barranco
Por Redacción
Unha muller sufriu feridas de diversa consideración tras sufrir un accidente ao caer por un precipicio co vehículo no que viaxaba, segundo a información facilitada polo servizo do 112 Galicia. O suceso rexistrábase no municipio de Cerdedo-Cotobade, no lugar de Soldada.
Ás 17.30 horas, a condutora poñíase en contacto co 112 Galicia para reclamar axuda. Sinalaba que sufrira un accidente e atopábase ferida. Trasladaba a súa preocupación ao entender que se podía atopar atrapada no interior do vehículo.
Desde o servizo de emerxencias avisábase ás 061-Urxencias Sanitarias e aos bombeiros do parque de Pontevedra. Ademais, trasladaban o aviso tamén aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos integrantes de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade.
Unha vez no lugar, os bombeiros non utilizaron material de excarceración pero si foi necesario o emprego dunha padiola para rescatar á muller ferida e trasladala ata o punto no que esperaba o persoal sanitario para atendela.
A muller foi evacuada e trasladada polo persoal do 061 ao Hospital Montecelo de Pontevedra.