Condenado a 15 meses de prisión por circular por Salcedo sen luces, a toda velocidade e poñendo en perigo a coches e peóns
Por Natalia Puga
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenará coa súa conformidade a un condutor que en agosto de 2015 fuxiu da Garda Civil cunha condución manifestamente temeraria pola parroquia de Salcedo, circulando varios quilómetros sen luces, a toda velocidade e xerando situacións de perigo para peóns e vehículos. Deberá cumprir 15 meses de prisión e catro anos de privación de permiso de conducir.
O home, A.C.F., xa conta con múltiples antecedentes e no ano 2013 fora condenado por un delito de condución temeraria. Este martes sentou no banco dos acusados dunha das salas de vistas dos xulgados da Parda procedente da prisión da Lama, onde cumpre condena. Unha vez ante a xuíza, recoñeceu os feitos e conformouse coa pena que solicitaba o fiscal.
Previamente á celebración do xuízo chegara a un acordo de conformidade polo que viu reducida a pena de prisión inicialmente solicitada, 18 meses, a 15. Recoñeceu un delito contra a seguridade do tráfico cometido coa circunstancia agravante de reincidencia. O fiscal rexeitou que se puidera suspender a execución da pena, de modo que deberá cumprir a privación de liberdade.
Os feitos dos que se recoñeceu autor producíronse sobre as 23.30 horas do 16 de agosto de 2015, cando circulaba cun vehículo roubado pola estrada N-550. Nun momento dado, detívose nunha chaira e achegóuselle un vehículo da Garda Civil que detectara con anterioridade que a súa condución era irregular.
Nese momento, o condutor apagou as luces do coche e arrincou a toda velocidade, fuxindo do vehículo da o Garda Civil. Mentres escapaba, circulou entre a casas da parroquia de Salcedo a gran velocidade, chegou a chocar con muros e estivo a piques de arroiar a varios peóns.
Durante o percorrido atravesou en dúas ocasións a estrada N-550 sen respectar os sinais de ceda o paso e stop, de modo que xerou situacións de perigo para a circulación doutros condutores, ata que finalmente penetrouse nunha leira na que abandonou o vehículo. O coche foi posteriormente localizado pola Garda Civil.
No interior do vehículo viaxaba unha moza que estivo en perigo pola condución realizada polo acusado.