Ponte Caldelas mellora o asfaltado de 20 quilómetros de pistas e camiños rurais
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas anuncia que inicia polo lugar do Lombo "o maior plan de asfaltados rurais da súa historia", que supón un investimento total que supera os 400.000 euros e o acondicionamento duns 20 quilómetros da rede de pistas e camiños municipais.
Con estas pavimentacións o Concello asegura que rematarán con décadas de abandono na súa rede de camiños e mellorarán viais que dan servizo a centos de vivendas.
A empresa Nexia iniciou os traballos este mates en O Lombo, un lugar do núcleo rural de Cuñas no que no pasado xa se reforzara un muro de contención nunha curva para corrixir o afundimento que se estaba a producir no firme.
A pista do Lombo arranca na estrada autonómica PO-254, xusto á entrada da vila de Ponte Caldelas e adéntrase ata o entronque de varios camiños nunha pequena praza pública. A lonxitude do tramo é duns 500 metros, no que se reparten máis dunha ducia de vivendas.
As actuacións incluíron a limpeza e preparación de toda a superficie para a posterior aplicación de aglomerado en quente de 5 centímetros de grosor a fin de garantir unha boa calidade e durabilidade. Quedou así asfaltada unha superficie total de 2.086 metros cadrados.
Os camiños que van ser reparados ao longo das próximas semanas repártense por Silvoso de Arriba, Silvoso de Abaixo, Baltar, Coveliño, Forzáns de Arriba, Forzáns de Abaixo, O Coto (Caritel), Laxoso de Abaixo, Avecil (Cuñas), Santa Ana (Buchabade), Taboadelo, Rebordelo, A Esfarrapada, Pazos, Taboadelo, Tourón e O Sobreiro (Xustáns).