Nove curiosidades de Terras de Pontevedra que seguro te sorprenderán
Terra de navegantes e poetas, camiño de paso dende tempos inmemoriais e unha historia que vai mais aló da Idade de Bronce... Terras de Pontevedra está chea de historias e datos curiosos que, xunto coas paisaxes únicas, sorprenden a quen nos visita por primeira vez.
Hoxe imos un paso mais lonxe. Traémosvos 9 datos curiosos que seguro vos van sorprender:
1- TERRA DE PIRATAS E CORSARIOS
Cun pasado mariñeiro tan arraigado, non era de estrañar que en Terras de Pontevedra, ademais de resistir os ataques de piratas como Drake, tamén houbese corsarios. Son testemuña disto as casas mariñeiras que atoparemos en Marín, preto do Templo Vello.
Da cidade de Pontevedra, cóntase que Benito Soto, o pirata máis temido dos mares e cuxo lema era "Os mortos non falan", escondeu un tesouro. Pódelo buscar na Casa das Campás, pero xa vos avanzamos que non é o único tesouro agochado en Terras de Pontevedra.
2- UN PORTAL AO MÁIS ALÓ
A cabalo entre A Lama e Cerdedo-Cotobade, o vento creou formas caprichosas nas rochas do Monte Seixo. Unha destas formacións rochosas é o Portalén, unha porta ao outro lado na que, aqueles que queiran falar cos ancestros, deberán cruzar de norte a sur.
3- ORIXE DE CRISTÓBAL COLÓN
Falando de navegantes, como non falar da orixe galega de Cristóbal Colon. Probablemente sexa un dos grandes enigmas da historia e, aínda que ninguén sabe a ciencia certa se foi galego, catalán ou xenovés, numerosos estudos sinalan a súa orixe en Poio.
Podes analizar a tese da orixe galega do navegante na Casa Museo Cristóbal Colón.
4- CONECTADOS CON OUTROS POBOS DENDE HAI MILES DE ANOS
A nosa historia de navegantes e incluso anterior á chegada dos romanos. Os petróglifos que atopamos en Marín e Poio así o acreditan: labirintos como os da Pedra do Labirinto de Mogor, que rara vez se atopan nesta parte da Península pero son moi comúns no Mediterráneo, ou as formas en U, máis próximas ás da Bretaña francesa ou os gravados irlandeses.
Podes ver os primeiros na Área Arqueolóxica de Mogor e unha reprodución do segundo no Centro Arqueolóxico da Caeira.
Ademais, numerosos vestixios atopados nas escavacións arqueolóxicas da provincia mostran que xa naquel entón se comerciaba con produtos doutras partes de Europa. Podes velos no Museo de Pontevedra.
5- UNHA DAS MAIORES CONCENTRACIÓNS DE ARTE RUPESTRE DE EUROPA
A provincia de Pontevedra é unha das zonas de Europa con maior concentración de gravados rupestres, especialmente de petróglifos. Dende os motivos circulares e cazoletas, a cervos, ídolos e representacións de homes en escenas de caza, con armas ou a cabalo... Podes desfrutalos ao aire libre nas áreas arqueolóxicas de Terras de Pontevedra ou intentar descubrir os seus segredos no Centro Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, o Centro Arqueolóxico da Caeira ou nas salas de arqueoloxía do Museo de Pontevedra.
6- O HÓRREO DE MAIOR CAPACIDADE DE GALICIA
Se pensas en hórreos, probablemente o primeiro no que penses sexa Combarro, cos seus 30 hórreos mirando ao mar. Pero probablemente un dos máis impoñentes non se atope aí, senón no veciño Mosteiro de San Xoán de Poio, onde un hórreo de pedra de máis de 121 metros de lonxitude e 3 filas de pés, ostenta a honra de ser o hórreo con maior capacidade de Galicia e un dos máis longos.
7- O MAIOR BOSQUE DE SEQUOIAS DE EUROPA
A 430 metros de altitude e nunha ladeira do Monte Castrove, atópase o maior bosque de sequoias vermellas californianas de Europa. A súa orixe remóntase a 1992, cando o goberno americano decidiu regalar ao español 500 exemplares desta árbore para celebrar os 500 anos da chegada de Colón a América, e como símbolo de irmandade entre o Vello e o Novo Mundo.
8- UN DOS POUCOS MUÍÑOS DE MAREAS DE GALICIA
No século XIX aproveitouse o dique das Salinas de Ulló en Vilaboa para construír un dos poucos muíños de mareas de Galicia. Neste muíño aproveitaban os movementos intermareais da Enseada de San Simón para xerar forza hidráulica que permitise moer o gran. Hoxe en día quedan deste tan só os diques que o sustentaban, pero o espazo é dunha gran beleza e valor natural.
9- A MAIOR COLECCIÓN DE ACIBECHES DO MUNDO
Falando de cousas únicas, no Museo de Pontevedra atópase a maior colección de pezas en acibeche do mundo. Datados entre os séculos XVI e XX, foron elaborados en Santiago de Compostela, o único centro antigo de traballo do acibeche e que, debido á dificultade de atopar este material na natureza, desfrutaba dun monopolio.
Xa as coñecías? Non son as únicas curiosidades: mouras, campás agochadas, camiños centenarios... Terras de Pontevedra ten moito máis que descubrir.
APP DE TERRAS DE PONTEVEDRA
Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android
Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para todos os viaxeiros. A través da app podemos atopar máis lugares únicos ou seguir os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.
Descarga a app para Android e iOS neste enlace: app.terrasdepontevedra.org