Máis de 30.000 persoas participaron na Festa do Lacón con grelos de Cuntis
Por Redacción
Cuntis acollía esta fin de semana a XXII edición da Festa gastronómica do Lacón con grelos, unha cita que contaba cunha ampla programación de actividades e a posibilidade de degustar un dos pratos con máis tradición en Galicia por estas datas.
O goberno local avalía moi positivamente o desenvolvemento desta edición que se iniciaba coa XI edición da Vespalacón, un encontro con Vespas e Labrettas que, entre outras actividades, acollía a Vespaguateque.
Unha vez máis, os visitantes puideron observar a exposición de camelia que suma xa trece anos ou a mostra de encaixe, ademais da gran novidade da presentación da mostra sobre "tellas decorativas" na Casa da Cultura, unha proposta de Manuel Viéitez en colaboración co Concello. Unha vez máis a cerámica castrexa de Castrolandín foi un dos principais reclamos desta cita.
Ademais de música e diferentes actividades para todos os públicos, numerosos visitantes querían achegarse á edición deste ano para gozar do humor do cómico Xosé Antonio Touriñán, que accedeu a realizar selfies cun gran número de asistentes ao seu pregón. O actor tamén exerceu como man inocente no sorteo do TapaLacón e no de Cucova, que se premiaban cunha viaxe a Canarias.
A comida converteuse en todo un acontecemento nesta Festa de Interese Turístico en Galicia. Máis de 3.500 comensais participaron do lacón con grelos.
Desde o goberno local calculan que ao redor de 30.000 persoas visitaron a vila termal para participar desta cita festiva, que finalizaba co velorio e o enterro do Chapante.