A Policía Local denuncia unha rapaza de 21 anos por morder e golpear o seu mozo durante meses
Por Natalia Puga
A Policía Local presentou unha denuncia na Comisaría contra unha moza de 21 anos veciña de Pontevedra que supostamente leva meses mordendo e golpeando o seu noivo. O rapaz non quixo denunciar e os axentes non localizaron a suposta agresora no seu domicilio, de modo que puxeron os feitos en coñecemento da Policía Nacional para que se faga cargo do caso e que sexa trasladado ao xulgado.
Segundo informou a Policía Local, os feitos que derivaron nesta denuncia sucederon sobre as doce da madrugada do sábado 1 de xuño nun domicilio do centro da cidade.
O cliente dun bar chamou a Policía Local porque estaba a escoitar un mozo berrando e pedindo auxilio. Unha patrulla desprazouse ao lugar e, ao chegar, o denunciante indicoulles que os berros e chamadas de socorro chegaban dun domicilio próximo.
Nese momento, os policías viron saír a un mozo de 24 anos do citado domicilio nun elevado estado de excitación e que presentaba diversas lesións a simple vista. Entrevistáronse con el e recoñeceulles que momentos antes discutira coa súa noiva e que esta o agredira, como viña sendo habitual dende varios meses antes.
No momento no que se entrevistou cos axentes, o mozo presentaba unha forte contusión no ollo esquerdo; erosións na cara, o colo e as costas; unha ferida detrás da orella dereita; unha ferida na zona esquerda do abdome; e varias feridas nos dedos das mans que supostamente lle causara a súa parella con mordedelas.
Ademais, segundo relatou naquel momento a presunta vítima, a súa agresora supostamente arrancáralle un dente dun golpe e dous meses antes arrancáralle outro nas mesmas circunstancias. O mozo tamén ensinou aos axentes a marca dunha mordedela no costado dereito que supostamente lle proferira a súa parella un mes antes.
Os policías trasladaron ao mozo ferido no coche patrulla ao PAC da Parda, onde foi atendido polos sanitarios de urxencia. Non obstante, tras recibir asistencia, o rapaz negouse a presentar denuncia contra a súa suposta agresora.
Os axentes actuaron de oficio, levantaron atestado do sucedido e dirixíronse ao domicilio da presunta agresora para proceder á súa detención, pero, cando chegaron, non a localizaron. De igual modo, presentaron denuncia por todos os feitos na Comisaría.