COVSA acondicionará cinco camiños en Lamas, Penagrande, O Casal, San Martiño e Sabadín
Por Redacción
Moraña vén de asinar o contrato do proxecto de mellora de pistas municipais que chegará a catro parroquias e que acondicionará de xeito integral as vías da Igrexa (Lamas), Penagrande e O Casal (Laxe), San Martiño (Gargantáns) e Sabadín (Saiáns).
Tras este trámite administrativo, a empresa COVSA vai comezar coas tarefas previas para, nos vindeiros días, formalizar a acta de replanteo e arrancar coas obras ao longo deste mes, aínda que a data concreta dependerá das circunstancias meteorolóxicas.
A actuación, enmarcada no Plan Concellos da Deputación, contará cun investimento de 130.000 euros e permitirá a limpeza de beiravías en ambas marxes con saneo e arranque de raíces, a renovación do seu asfaltado cunha capa de rodaxe de aglomerado en quente e outras obras nas zonas de sobreancho, ás que se dotará de zahorra artificial nivelada e compactada.
Este proxecto, que se corresponde con arterias principais de comunicación destas catro parroquias, pretende corrixir o deterioro do firme destas cinco pistas, producido polo tráfico soportado, a afección da climatoloxía e o envellecemento natural dos materiais asfálticos.
Ante o inminente inicio das obras, dende o Concello de Moraña queren solicitar aos veciños que circulen con precaución polas vías pendentes desta mellora pola inminente existencia destes traballos e a presenza de maquinaria pesada. Nos casos nos que proceda, regularase o tráfico para evitar incidencias e garantir a seguridade.