O PP critica que se encargue un estudo de viabilidade para a piscina municipal a dous meses das eleccións
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Poio critica que a Concello de Poio, a menos de dous meses das eleccións municipais do 26 de maio, aprobou en xunta de goberno unha factura por valor de 7.078,50 euros da empresa Lagares Oca, pola "elaboración de estudio de viabilidade" dunha piscina municipal.
Os populares aseguran que o alcalde Luciano Sobral leva 20 anos anunciando a construción desta piscina nos seus programas electorais, chegando a dicir que xa tiña o proxecto e os terreos, polo que encargar este estudo "é pretender rirse dos veciños".
O PP de Poio anuncia que preguntará por este estudo en comisión de urbanismo e pedirá unha copia, e afirma que "este tipo de manobras demostran que BNG e PSOE están desesperados despois de catro anos do peor goberno da historia de Poio e sen ningún feito que amosar".
Finalmente o grupo municipal do PP cre que se o BNG e o PSOE quixesen facer a piscina, "tiveron catro anos para aprobar un novo PXOM" polo que entenden que "estas estratexias para vender fume a 2 meses das eleccións e volver prometer a piscina mentres miles de veciños carecen de auga corrente demostran que teñen moi pouca vergonza".