Detida unha muller que finxiu un desmaio cando a sorprenderon roubando nun local de ocio
Por Redacción
A Policía Nacional de Pontevedra detivo unha veciña de Marín de 37 anos que presuntamente roubou varios obxectos nunha tenda e, cando foi sorprendida por un cliente e tentou que devolvese o roubado, finxiu un desmaio.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, todo sucedeu na madrugada do sábado ao domingo. A agora detida, unha muller con antecedentes policiais, saíu fuxindo do interior dun local de lecer cun bolso e varias pezas que ao parecer non lle pertencían, pero o roubo frustrouse grazas á intervención doutro cliente.
Un home que estaba no interior do establecemento e se decatou do ocorrido, saíu detrás dela. Tentou que lle devolvese as pezas, pero, nese momento, a muller finxiu un desmaio. A continuación, a dona dunha das pezas de roupa tratou de recuperala e a suposta ladroa reaccionou propinándolle patadas e arañazos.
Unha dotación da Policía Nacional que patrullaba pola rúa Benito Corbal en prevención da seguridade cidadá observou unha persoa no chan e varias ao seu ao redor. Os axentes entrevistáronse coas testemuñas e detiveron á presunta ladroa por un roubo con intimidación. Eran as 5.30 horas da madrugada.
Os axentes lograron recuperar o subtraído por esta muller: un teléfono móbil, un bolso, unha cazadora de coiro e unha carteira, ademais de varias cantidades de diñeiro en efectivo.
Unha vez detida, trasladárona á Comisaría Provincial, onde se tramitou o correspondente atestado. Este luns foi posta a disposición do xulgado de garda.