Broken Peach, Black Stones e Pablo Balseiro, principais atractivos das Festas de Campolongo
Por Almu Dapena & Mónica Patxot
Por terceiro ano consecutivo, póñense en marcha as Festas de Campolongo con motivo da celebración do día de San Xosé. Comezarán o sábado 16 ás 12:00 horas coa instalación de foodtrucks e rematarán o martes 19 cunha chocolatada popular, segundo explicaron os seus organizadores, Isaac Freire e Alberto Rodríguez, na mañá deste luns no Concello.
As foodtrucks, vehículos acondicionados para elaborar e vender comida na rúa, volven ser as protagonistas destas festas durante os tres primeiros días. Ao tratarse dunhas festas dirixidas a todo o barrio, tamén se instalará unha taberna tradicional galega para que o público máis adulto poida desfrutar da gastronomía durante todo o día.
Polas tardes, de 16:00 a 20:00 horas, haberá unha zona infantil con inchables e actividades para os máis pequenos con pintacaras e xogos populares.
Charangas, exhibicións e master class amenizarán as xornadas. Da exhibición de esgrima encargarase a Escola Hungaresa de Esgrima de Pontevedra, e da de taekwondo, Mace Sport. A master class de ioga infantil a impartirá Torrado e a de zumba a realizará Serviocio Piscinas de Campolongo. Tamén haberá un espectáculo do ilusionista Pedro Volta o domingo ás 19:00 horas.
Os encargados de pechar as festas cada día coas súas actuacións musicais serán Broken Peach, Black Stones e Pablo Balseiro, que actuarán a partir das 22:30 horas o sábado, domingo e luns respectivamente.
Como colofón, o martes realizarase un xantar tradicional de lacón con grelos e churrasco, o torneo de petanca Memorial Fernando Viéitez, unha chocolatada popular de balde, e diversas actividades coas que se dará fin ás festas.
Os organizadores esperan que haxa un ambiente moi festivo aproveitando a afluencia dos máis pequenos ao novo parque infantil de Campolongo.
Relacionadas:
-
Comeza a liga de petanca, un deporte "para todos os públicos, non só para persoas maiores"
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |
-
Nin un metro sen nenos no novo parque de Campolongo
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
As gastronetas toman Campolongo para alimentar as festas do barrio
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
"La transición" desembarca este sábado nas festas de Campolongo
Por Redacción |
-
As festas de Campolongo xa están de volta!
Por Alejandro Espiño |